A primeira fase do proxecto Toponomasticon Hispaniae (2021-2025) serviu para establecer as bases metodolóxicas do estudo dos nomes de lugar hispánicos e deseñar unha páxina web que, agora dispoñible ó público, permite vincular os topónimos cos seus respectivos étimos, a partir dos cales se pode apreciar a súa produtividade en todo o territorio.
Está estruturada en entradas (de étimo e de topónimo) que permiten a todos os membros dos diversos subproxectos traballar simultaneamente e vincular as etimoloxías cos seus descendentes toponímicos en todas as linguas de España e Portugal. Proporcionan un rexistro completo das características do topónimo: aspectos xeográficos, históricos, administrativos e demográficos, representación cartográfica nun mapa dinámico, documentación histórica, cognados na súa área lingüística e produtividade antroponímica (topónimos que pasaron a ser apelidos e mesmo nomes de pila). Ademais, permiten a interacción entre os cognados toponímicos de todos os territorios. Están integradas nunha base de datos relacional que dá conta das relacións hipertextuais entre campos específicos (étimo, adscrición lingüística e clasificación semántica, entre outros). En total, estudáronse 1.600 formas toponímicas (incluíndo topónimos, étimos e cognados), a maioría das cales se poden consultar en liña, con diversas opcións de busca. Nelas, as formas toponímicas de orixe feminina foron un foco de especial interese.
Ademais, o repositorio de fontes bibliográficas e documentais constitúe por si mesmo un compendio dos estudos toponímicos máis importantes do mundo hispánico. No remate do proxecto, inclúe 1.996 referencias bibliográficas, das cales 11 son ferramentas lexicográficas dispoñibles en liña e 1.836 son fontes documentais, incluíndo referencias en papel (1771) e recursos en liña (61).
Ao longo dos catro anos do proxecto celebráronse cinco congresos: en Lleida, Madrid, Valencia, Oviedo e Santiago de Compostela. Pódense atopar todos os detalles destas, xunto coas diversas publicacións e presentacións noutras conferencias nacionais e internacionais ou en revistas académicas, na sección 'Resultados' do sitio web do proxecto.
Na súa primeira fase, o proxecto estaba constituído polos equipos e membros que se detallan a seguir.