Ir o contido principal
Volver a ToponHisp
  • Consulta do dicionario
  • Resultados do proxecto
  • Bibliografía
  • Fontes
  • Acceso investigadores
esglcaeupt-ptastan

Monterroso

Monterroso

Tipoloxía ou caracterización xeográfica

Concello
Idioma do topónimo
Galego

Étimo

MONTE
Latino
Oronimia » Elevación
RŌSU
Latino
Oronimia » Composición

Resumo xeral

Composto por monte, do lat. mons, e rosus, de orixe escura, quizais participio do verbo rodo ‘roer, rozar, desgastar’, isto é, ‘monte erosionado’. 

Aspectos xeográficos, históricos, administrativos

Monterroso era nun principio o nome dun monte. Máis adiante (polo menos desde finais do séc. XI) pasou a designar un condado, o anteriormente chamado durriense, xentilicio correspondiente ó actual Dorra (Antas de Ulla).  A principios do XIII xa nomea o núcleo de poboación que actualmente é o concello de Monterroso.

Información específica de étimo para este topónimo

A segunda parte deste composto tense identificado co latín RUSSUS, pero, por unha banda, esta voz latina non deixou descendentes nesta zona da Romania (vid. PatRom_IV.1, s.v. Russus), e, por outra, as atestacións medievais o desmenten, pois aparece de forma consistente con –s-.

Nicandro Ares (2000, TopGal) propuxo rosum, participio do verbo rodo 'roer, rozar, desgastar'. Máis tarde, Vázquez García (2002), no seu estudo sobre a toponimia deste concello, apoiou esta hipótese porque “o sustrato do termo municipal é de tipo granítico, cun potente recubrimento areoso, con escasa presenza de minerais de cor vermella ou roxa”; esta realidade extralingüística descarta tamén o étimo ROSSUS. Desde o punto de vista lingüístico non é usual atopar un descendente léxico sen máis apoio ca un único topónimo. Existen varios posibles cognados, Ponterrosa (Palas de Rei, Lu) e Fontes Rosas (Touro), das que carecemos de documentacións medievais que permitan deitar luz sobre a súa orixe, se non é a mesma que propón Ares.

A terminación en -oso fai pensar nun adxectivo con este sufixo, pero todas elas chocan coa persistencia das formas medievais Monte Roso ou Monterroso. Por exemplo, un composto Monte Terroso, con haploloxía, non se documenta nunca.

Sobre a identificación do nome que nomea o topónimo, Nicandro Ares cre que se debe identificar co actual pico de San Cristovo, cunha altitude de 825 m, posto que a localidade se sitúa na súa ladeira. Pero Carlos García (2002: 17) considera que debe ser o actual monte de Vacaloura, localizado entre os Picos de Narón e San Cristovo, baseándose nun doc de 1022 do TACSantiago que nomea Sampiri (actual Sampil), e que o sitúa xusto debaixo do Monte Roso.

 

Documentación histórica

Antiga e medieval

  • "ad montem de Meta, transiens Ferraria flumen venit ad Castrum Nesperarie et venit ad Deiroso Monte et protenditur ad Monte Navego ad Castrum veniens Arburisulie concludens per flumen Bubale" a.572 Costa_BragaLiberFidei. Este documento, de autenticidade discutida, é un dos máis antigos do noso territorio. Os editores presentaron varias lecturas diferentes deste topónimo; amais da indicada, Aeiroso (RiscoESagrada40, CDLugoCañizares), Eiroso Montem (TVelloLugo). Monterroso figura neste texto como límite occidental do comitatus pallarensis, o condado de Pallares.
  • "in territorio Asma sub (...) ipso Monteroso” 922 CDCatMondoñedo, p. 14-15
  • “ipsa villa Bene Vivere qui est scita subtus Monte Rosum” 937 TCelanova, p. 449
  • “hereditatem in loco, cui dicunt Sendin, discurrente ad Aulam Sti. Cipriani inter duos Alpes Monte Roso et Sumio” 1063 TSobrado f.47v-48r

Pronto deu lugar a un condado medieval:

  • "Sancius comes de Monterroso" 1098 DocUrraca
  • “Monio Pelagiz dominans in Monterroso” 1112 CDOseira
  • “in terra de Monterroso” 1278 DocCatLugo

E despois a un núcleo de poboación:

  • "in villa illa de Monterroso" 1202 CDLugoCañizares

 

Moderna

  • Monte Rozo 1653 AtlasTexeira 
  • Monterroso 1752 CME 
  • Monterroso 1806-1870 DicMadoz 

Paisaxe toponímica próxima

No propio concello e nos próximos encóntranse varios lugares que conteñen na súa denominación a forma monte, como corresponde á orografía da zona, pouco accidentada pero con bastantes elevacións suaves, como consecuencia da erosión (GEG, s.v. Monterroso):  Monte Alegre (lugar en Taboada, Lu), Montecalvo (lugar en Monterroso, Lu), Montecelo (lugar en Monterroso, Lu), Montecelos (lugar en Antas de Ulla, Lu; Taboada, Lu). 

Cognados

En Galicia existen numerosos lugares que conteñen a voz monte, tanto con artigo (O Monte), como en composición (Montefaro, en Ares e Valdoviño, Co), parroquias: Monteagudo (Arteixo, Co), Montecubeiro (Castroverde, Lu), Trasmonte (Ames, Co), etc. e concellos: Montederramo (Ou) e Monterrei (Ou).

En canto á segunda parte, poderían ser cognados Fontes Rosas (parroquia en Touro) e Ponterrosa (Palas de Rei);  Nicandro Ares_TopGal propono para este último, e ademais considera como alternativa terrosa ‘ponte cuberta de terra’", pero isto parece pouco explicable semanticamente. En todo caso, sen coñecer atestacións antigas é difícil chegar a conclusións seguras. Deberían descartarse como cognados formas como Silvarosa, Silvadrosa, Arosa, pois son compostos con HEDEROSA.

Ana Boullón:  "Monterroso", 

en Toponimia de Galicia e Portugal (PID2020-114216RB-C61), proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae, financiado por el MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. http://toponhisp.org 

[consultado en 09-01-2026].
Data: 13/10/2023
1313
no-portugues

Coordenades:-7.83411 42.792733

As coordenadas no estado español proceden do IGE

×Cerrar

Visualización de capas

One fine body…

Close Save changes
Transcrición fonética
[monteˈroso̝]
Audio
Provincia
Lugo
Poboación (INE)
3613 (2020)

Xentilicio e alcumes colectivos

Xentilicio(s)

Monterrosino

Pseudoxentilicio(s)

Raposos (DTG). Este seudoxentilicio explícase por unha copla popular coñecida en toda Galicia: 

“Se ti viras o que eu vin na feira de Monterroso: vinte e cinco xastres xuntos a cabalo dun raposo” 1863 (TILGa)

Antropónimos orixinados polo topónimo

Apelido
Non xerou apelido
Nome
Non xerou nome persoal

Bibliografía específica

Ares Vázquez, Nicandro (2000): “Toponimia do concello de Monterroso”, Lucensia 10, n. 21, p. 259-276. 

Vázquez García, Carlos (2002): Toponimia de Monterroso. Monterroso: Concello de Monterroso.  

Sinaturas

Redacción: Ana Boullón

Contribucións puntuais: Antón Santamarina, Emilio Nieto.

O proxecto I+D+I Toponomasticon Hispaniae está financiado polo MCIN/AEI/10.13039/501100011033/. A presente aplicación contou cunha axuda para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia (ED431C 2021/20).

Menú del pie

  • Políticas de privacidade
  • Políticas de cookies
  • Contacto
-
-
-
-