Gudiña, A
Tipología o caracterización geográfica
Derivado
Resumen general
Diminutivo do nome persoal feminino Goda, de orixe xermánica, co sufixo latino -INA.
Aspectos geográficos, históricos, administrativos
O actual concello está situado nunha zona de paso entre Galicia e a meseta (e tamén pasa a Vía da Prata do Camiño de Santiago), o que explica a existencia nesta zona de numerosos topónimos ou microtopónimos que indican esta circunstancia, como Brea ou Venda. De feito, Madoz propón como orixe do seu nome o dunha muller, Agudiña (DicMadoz), que fundó alí unha venda, arredor da cal se formaría a poboación. Outra etimoloxía popular indica que a dona desa venda era moi "agudiña", ou astuta, de forma que "dun pote de caldo sacaba trinta cuncas"; por tanto, o nome viría do alcume, non do nome propio. A reinterpretación é comprensible, posto que este nome feminino deixara de utilizarse xa na Baixa Idade Media.
Foi tamén nome dunha antiga xurisdición, constituída por esta vila e mais as freguesías do Canizo, Pentes, San Lourenzo de Pentes e O Tameirón, todas elas no actual concello.O concello constituíse coas parroquias da antiga xurisdición máis as parroquias de Barxa, Carracedo da Serra e Parada da Serra. Nomeárono coa forma do artigo castelanizada, La Gudiña, ata que en 1985 recuperou a súa forma orixinal, A Gudiña (VariacionesMunicipios).
Información específica de étimo para este topónimo
Godiña ou Gudiña foi un dos nomes femininos máis frecuentes da Galicia altomedieval (BoullónAntrMedGal p.82), documentado desde o séc. X en textos escritos en latín:
- "Gudina Miriz" 942, "Godina Adaulfiz" 957 TCelanova
- "Felix Citiz simul et coniux mea Gudina" 982 TSamos
- "domina Gudina" 1033 CDVisLugo
- "Godo genuit Godina" 1060-1065 CDLugoCañizares
- "hereditate de Gudina Servandiz" 1076 TCelanova
- " domna Godina de Avelanedo" 1253 CDMelón
Deixou de usarse a finais do séc. XII, de forma que apenas se documenta na Galicia baixomedieval.
Documentación histórica
Moderna
Cognados y topónimos relacionados
En Portugal hai varios topónimos procedentes deste nome persoal, cos dous xéneros:
- masculino Godinho (Aveiro) e en compostos: Porto Godinho (Coímbra), Vale Godinho (Castelo Branco), Vale de Godinho (Coímbra).
- feminino: Godinha (Portalegre), plural Godinhas (Santarém). Tamén co suf. diminutivo -ELLA: Godinhela (Coímbra).
Por outra parte, o segundo elemento do composto port. Martim Godim (Leiría) parece proceder do xenitivo GUTINI.
en Toponimia gallega, portuguesa y asturiano-leonesa, PID2024-159776OB-C41, proyecto integrado en Toponomasticon Hispaniae. Prolongación antroponímica y proyección americana (ToponHisp-PA), financiado/a por MICIU/AEI/10.13039/501100011033. http://toponhisp.org